Aprender galego
O Centro de Estudos Galegos da Universidade de Heidelberg ofrece a posibilidade de achegarse á lingua e á cultura galegas a través da docencia universitaria, así como mediante diferentes oportunidades de formación e mobilidade en Galicia. O galego é unha lingua románica falada por máis de dous millóns de persoas no noroeste da Península Ibérica e forma parte dun amplo espazo lingüístico compartido co portugués.
A través dos cursos e actividades do CEG, o estudantado pode iniciarse na lingua galega, coñecer a realidade cultural de Galicia e afondar en cuestións relacionadas coa diversidade lingüística e cultural.
Cursos en Heidelberg
O CEG ofrece cursos universitarios de lingua e cultura galegas dirixidos ao estudantado da Universidade de Heidelberg. Estes cursos permiten adquirir coñecementos básicos de galego, desenvolver competencias comunicativas e achegarse á realidade histórica, cultural e sociolingüística de Galicia.
Os cursos ofertados actualmente no SoSe 2026 son:
Galicisch I
Curso introdutorio de lingua galega no que se presentan os fundamentos gramaticais e léxicos básicos e se desenvolven as primeiras competencias de comprensión e expresión.
Galicisch III
Curso de nivel inicial dirixido ao estudantado que xa conta con coñecementos previos de galego, no que se traballan estruturas máis complexas e se afonda no uso da lingua en diferentes contextos.
Proseminar. Lingua, poder e sociedade: a sociolingüística dunha lingua minorizada como a galega
Seminario dedicado á análise sociolingüística do galego como lingua minorizada e ao estudo das relacións entre lingua, identidade e sociedade no contexto contemporáneo.
Colaboracións académicas
O Centro de Estudos Galegos de Heidelberg colabora con outras institucións académicas e culturais na promoción da lingua e da cultura galegas. Entre estas iniciativas destacan as actividades docentes e académicas desenvolvidas en cooperación coa Universidade de Viena, así como diferentes accións culturais realizadas en colaboración co Instituto Cervantes de Múnich.
Estas colaboracións contribúen a reforzar a presenza internacional dos estudos galegos e a crear redes de cooperación entre universidades e institucións culturais europeas.
Aprender lingua e cultura en Galicia
O estudantado interesado en continuar a súa formación pode tamén aprender galego directamente en Galicia a través de programas de mobilidade universitaria, cursos de verán e diferentes programas de bolsas.
Programas Erasmus
A Universidade de Heidelberg mantén acordos de mobilidade con universidades galegas que permiten realizar estadías de estudo en Galicia. Actualmente existen prazas Erasmus nas seguintes universidades:
- Universidade de Santiago de Compostela
- 3 prazas para o IÜD
- 4 prazas para Romanistik
- Universidade de Vigo
- 2 prazas para o IÜD
Podes atopar máis información sobre o proceso de solicitude na páxina correspondente da universidade.
Bolsas BEME
A Xunta de Galicia convoca anualmente as Bolsas de Excelencia Mocidade Exterior (BEME), que permiten realizar estudos de mestrado en universidades galegas para persoas de nacionalidade española que cumpran determinados requisitos.
Cursos de verán
Entre as diferentes iniciativas de formación destaca o curso internacional Galego sen fronteiras, organizado pola Real Academia Galega, que cada verán ofrece formación intensiva en lingua e cultura galegas.
Certificación e outros cursos
Na páxina da Secretaría Xeral da Lingua poden atoparse información sobre outros cursos de galego, así como sobre os exames oficiais de certificación lingüística CELGA.
